mércores, 30 de outubro de 2019

Ser profesor de secundaria en Ottawa




Ser profesor é unha actividade laboral que, polo que fun quen de percibir, goza dun amplo recoñecemento social en Canadá, polo que facer o máster de profesorado constitúe unha saída profesional para moitos graduados. O sistema educativo está descentralizado, con independencia para cada provincia. En Ontario, para poder optar a un posto de traballo como profesor é requisito obrigado obter a licenza da OCDSB (Ottawa Carleton District School Board) Os directores dos centros son, finalmente, os que contratan ao profesorado, en función das necesidades específicas.


O profesorado imparte diariamente tres dos cuatro periodos lectivos, reservando o restante periodo para a preparación das clases. Participar en clubes e actividades que non están directamente incluidas no horario lectivo non é obrigatorio para o profesorado.

Cada centro escolar funciona de maneira diferente, dependendo en ampla medida da dirección do mesmo, que ten a capacidade de contratar ao equipo docente. A miña impresión persoal foi que o profesorado do centro que me foi asignado, Lonfiends-Davisson Heights Secondary School, estaba moi implicado en todo o proCeso de ensino-aprendizaxe do alumnado.  Normalmente os profesores comezan a xornada de traballo con bastante antelación ao comezo das clases, o que lles permite intercambiar información nos departamentos. Maioritariamente permanecían no centros ao remate das clases para atender as dúbidas do alumnado, organizar os clubes ou intercambiar información coas familias dos estudantes.

Non existen as gardas de clase asignadas ao profesorado. Cando un profesor non pode asistir ao centro, contrátase a unha persoa non vinculada ao centro para cubrir esa clase. En moitas ocasións trátase de profesores xublilados, que a través deste traballo ocasional complementan os seus ingrasos.

Periódicamente o profesorado de cada centro recibe formación externa durante a xornada laboral, polo que ese día é declarado coma non lectivo para o alumnado. Nestas actividades formativas desenvólvense proxectos interdisciplinares en función das demandas do profesorado. A coordinación entre os membros dos departamentos, con estándares de aprendizaje moi concretos, actividades deseñadas de forma colaborativa, test realizados conxuntamente e actividades experimentais simultáneas, constitúe un pilar fundamental dentro do proceso de ensino aprendizaxe, tal e como se entende na provincia de Ontario.




venres, 18 de outubro de 2019

Longfields-Davidson Heights Secondary School




O centro de destino para o meu periodo de observación foi un instituto de case 3000 estudantes, situado nun barrio de nova creación no oeste de Ottawa: Barrhaven





Longfields é un dos poucos centros nos que conviven estudantes de Middle School (7º e 8º grado) cos de Secondary School, ata grado 12; tal e coma sucede no noso país.  Nembragantes, esta convivencia é só espacial, xa que están nun pavillón separado, con horarios e profesorado diferente.


As instalacións do instituto foi o primeiro que me chamou a atención: campos deportivos, ximnasios con máquinas para o alumnado, pavillóns, obradoiros, cocinas e un salón de actos inmenso, entre outras instalacións.

Os espazos son moi amplos, polo que a pesar do elevado número de persoas que conviven no centro, non se percibe sensación de masificación.




O auditorio de Longfields Davisson Heights Secondary School chama realmente a atención polo seu tamaño, mobiliario e decoración; xa que é comparable a calquera das instalacións privadas ou públicas de calidade destinadas e este fin.




O deporte é unha parte fundamental da formación dos estudantes, polo que ademais de excelentes instalacións, son numerosos os clubEs deportivos do instituto: hockey, football (americano), voley, cross country, baloncesto....

Como en case todos os centros da provincia de Ontario, os estudantes poden escoller entre unha variada oferta de materias optativas, coa mesma consideración que as instrumentais, que vai dende Fitness, Cerámica ou Orquesta ata Robótica, Madeira ou Cociña

Para máis información pódese consultar a páxina web do instituto: https://ldhss.ocdsb.ca/







mércores, 16 de outubro de 2019

O sistema educativo canadense

Canadá ten unha organización territorial formada por sete provincias (Alberta, la Columbia Británica, Manitoba, Nuevo Brunswick, Terranova e Labrador, Nova Escocia, Ontario, A Illa do Príncipe Eduardo, Quebec e Saskatchewan) e tres territorios (Os Territorios do Noroeste, Nunavut e Yukón). As competencias en educación están transferidas ás provicias ou territorios correspondientes, que se organizan de forma autónoma.




Ottawa pertence á provincia de Ontario. O sistema educativo nesta provincia está  dividido en varias etapas:

Primary School ata grado 6 (equivalente á nosa Educación Primaria: de 1º a 6º)
Middle School grados 7 y 8 (equivalente a 1º e 2º de ESO)
Secondary School de grado 8 a 12 (equivalente a 3º e 4º de ESO e 1º y 2º de bacharelato)

Unha vez rematada a secudaria o alumnado pode acceder a:

  • Estudos aplicados para formación técnica e profesional nun College: constitúe un estadio intemedio entre a formación secundaria e a universitaria
  • Universidade: con diversas opcións de grados e másters, aos que se accede despois de superar os créditos obrigatorios e outras actividades de formación extracurricular (outros estudos, deporte, traballo cooperativo...) 




Antes de comezar a nosa integración nos colexios e institutos correspondentes, os profesores galegos tivemos unha serie de charlas de orientación sobre Canadá e o seu sistema educativo, impartidas por membros da School Board de Ottawa.

A educación secudaria está estruturada en semestres. O alumnado cursa catro materias diferentes en cada un. A programación focalízase na adquisición de competencias e autonomía por parte do alumnado e isto repercute directamente na avaliación.




 Para máis información pódese consultar a páxina web do distrito de Ontario: https://ocdsb.ca/

luns, 14 de outubro de 2019

De Oleiros a Ottawa

O día 14 de outubro de 2019 non foi un día máis de traballo para min no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas. Mentres compañeiros e alumnado continuaban co normal desenvolvemento do curso, un grupo de formado por 40 profesores galegos iniciamos a nosa aventura ao outro lado do océano. Cunha maleta cargada de ilusións e nervios, afrontamos a longa viaxe que nos levou ata Ottawa.


Ottawa é a capital de Canadá. Unha cidade tranquila de aproximadamente un millón de habitantes, atravesada polo río que leva o seu mesmo nome e o canal Rideau. Conserva grandes espazos arbóreos, de especial beleza no outono, e importantes momumentos representativos.