mércores, 27 de novembro de 2019

Reflexión persoal

Xa de regreso á rutina diaria, toca facer balance da experiencia educativa que supón un programa coma o PIALE, que ofrece ao profesorado galego a posibilidade de cambiar durante un mes o entorno educativo e cultural, para integrarase na vida dun instituto de Canadá. 

Considero que este tipo de oportunidades son sempre enriquecedoras e positivas, xa que supoñen un complemento na nosa formación lingüística, didáctica e persoal. Tamén teñen un gran valor a nivel humano, a través das relacións que se establecen coa familia de acollida, os profesores canadenses e os compañeiros galegos con que viaxas.















Nun primeiro momento case todo o que ofrece un instituto canadense resulta moi atractivo para unha profesora galega: as aulas son máis grandes, os laboratorios están mellor dotados, os espazos son moi amplos, dispoñen de mellores instalacións deportivas... Despois de case un mes participando diariamente  da actividade do centro, considero que tanto o noso modelo coma o canadense teñen aspectos nos que destacan máis e menos. 

Deixando ao marxe as instalacións materiais, que é algo ao que dificilmente podemos optar en Galicia, podemos aprender dos canadenses, unha poboación que leva anos de avantaxe con respecto a nos acollendo inmigrantesa, o ben estruturados que teñen os plans de acollida e formacións lingüística do alumnado estranxeiro de fala non inglesa: en case todos os centros hai grupos de estudantes ESL, que traballan ao principio contidos lingüísticos e vanse incorporando progresivamente ao aprendizaxe de contidos nas aulas de referencia. Tamén pódese destacar a elevada implicación de todo o profesorado no proceso de ensino-aprendizaxe, con moitas horas de dedicación e incontables esforzos para intentar conseguir que o alumnado con máis dificultades acade as competencias necesarias para continuar co seu proceso educativo. Os estudantes teñan moita autonomía, e dende a secundaria considéranse os responsables dos seus estudos, polo que non se necesitan algunhas funcións que aquí son actualmente obrigatorias, como por exemplo pechar as portas do centro para evitar que se ausentan das clases ou facer gardas no tempo de lecer, entradas e saídas do alumnando.


 
No centro que me foi asignado, Longfields-Davisson Heights Secondary School, o profesorado de Física e Química estaba moi coordinado no deseño e planificación das actividades dos estudantes. Na miña impresión, o profesorado é bastante entusiasta no que se refire á actividade docente: desfrutan de recibir ás familias, intentan sempre sacar adiante a todo o alumnado, participan en clubes voluntarios...  Como aspecto a mellorar considero que o nivel de dispersión que en ocasións ten o alumnado na clase repercute negativamente no proceso de aprendizaxe. 

As miñas expectativas non se cumpriron con respecto á integración de contidos científicos, matemáticos e tecnolóxicos no ámbito STEM. A división en materias no ensino secundario é practicamente a mesma que en Galicia, sen coordinación nin proxectos comúns entre os diferentes departamentos. A pesar de que o centro tiña amplos espazos e aunha gran dotación de material nas aulas e laboratorios,  carecía dun Espazo Maker, no que realizar proxectos STEM.

 
O sistema semestral ten a vantaxe de que o alumnado cursa as materias con periodicidade diaria, pero tamén ten a contrapartida de que durante un semestre, e ás veces dous consecutivos, non están a cursar ningún contido de determinadas materias. Nalgúns casos coma Educación Física, Música ou Matemáticas, considero que este sistema non é o máis axeitado para a formación continua dos estudantes.

Os problemas e dificultades do profesorado, tanto en Galicia como en Canadá, son semellantes: ás veces non é sinxelo intentar motivar ao alumnado e sacar o máximo rendemento posible de cada un deles, especialmente en aulas masificadas e con estudantes de diferentes niveis de aprendizaxe. O profesorado enfróntase aos conflitos coa administración moi simlilares aos nosos, normalmente baseados no presuposto asignado a aducación. A ratio de alumnado en Ottawa é similar á que temos en Galicia, pero o actual goberno provincial de Ottawa quere incrementala. O profesorado está facendo diversas protestas e folgas, coa finalidade de persuadir aos representantes gubernamentais de revocar dita decisión.

Despois da miña estancia en Ottawa, considero que o PIALE é unha actividade formativa de alto nivel, que ten repercusións positivas para o profesorado implicado e, en maior ou menor medida, en toda a comunidade educativa. Vivimos nun mundo globalizado, no que coñecer de primeira man como funcionan outros sistemas educativos constitue unha ferramenta básica para o profesorado que debe formar aos cidadáns do século XXI, preparados para afrontarse aos novos retos do futuro.







Ningún comentario:

Publicar un comentario